envite Plataforma Tecnolóxica Galega de Medio Ambiente - Envite presenta a súa Axenda Estratéxica de Investigación
Páxina Principal arrow Novas arrow Envite presenta a súa Axenda Estratéxica de Investigación
Envite presenta a súa Axenda Estratéxica de Investigación PDF Imprimir Correo-e
Martes, 31 de Marzo do 2009
A Plataforma Tecnolóxica Galega de Medio Ambiente (Envite) presenta a súa Axenda Estratéxica de Investigación nun acto presidido polo Director Xeral de I+D+I da Xunta de Galicia

Ante un auditorio próximo ao centenar de persoas, representantes todas elas de empresas, entidades, institucións e Universidades adheridas ás Plataformas Tecnolóxicas Galegas de Medio Ambiente (ENVITE) e de Enerxía (ENERXE), o hotel "Puerta del Camino” de Santiago de Compostela acolleu o 30 de marzo o acto de presentación das Axendas Estratéxicas de Investigación e Innovación (AEI) de ambas as dúas Agrupacións ou, o que é o mesmo, os documentos que marcan a folla de ruta a seguir por o sector ambiental e enerxético galego durante os próximos anos e nos que se define o marco estratéxico e as áreas prioritarias para o desenvolvemento das actividades de I+D+i promovidas dende as respectivas Plataformas.

A Plataforma Tecnolóxica Galega de Medio Ambiente (Envite) presenta a súa Axenda Estratéxica de Investigación nun acto presidido polo Director Xeral de I+D+I da Xunta de Galicia

O Director Xeral de I+D+i da Consellería de Innovación e Industria, Salustiano Mato de la Iglesia, quen estivo acompañado polo presidente de Envite, José Álvarez Díaz, á súa vez máximo responsable da Sociedade Galega do Medio Ambiente -SOGAMA-, e por un voceiro de Enerxe, Pablo Rodríguez Regueira, membro do Instituto Enerxético de Galicia -INEGA- (entidade que ostenta a presidencia desta Plataforma), fixo un balance da actividade desenvolvida polas 17 Plataformas tecnolóxicas existentes na actualidade, abundando nas oportunidades que, dende o punto de vista tecnolóxico, económico e social, representan para Galicia. Neste sentido, destacou que as Plataformas foron destinatarias dun financiamento total de 6,2 millóns de euros, chegando a mobilizar 1.538 entidades, entre as que se atopan 1.027 empresas (865 Pymes) e 23 centros tecnolóxicos de sectores estratéxicos. O seu esforzo traduciuse na xeración de máis dun centenar de proxectos nos que participaron 317 grupos de investigación, así como na creación de 57 grupos de traballo, e o seu impacto sobre a economía galega chegou a ter un efecto multiplicador: 7,4 millóns de euros de PIB, xunto ao mantemento anual de 73 empregos, alcanzando en 2008 os 100. Segundo o Director Xeral "cada euro gastado pola Consellería de Innovación e Industria nas Plataformas xerou de media 1,56 euros de PIB".

Así mesmo, fixo un percorrido polas distintas medidas de financiamento, tanto autonómicas como estatais e europeas, para a posta en marcha e execución de proxectos empresariais, destacando o papel a cumprir polo denominado "Club de Inversores”, foro que, baixo o lema "Ningún proxecto de I+D+i sen axuda", pretende dar resposta ás necesidades do sistema galego de I+D+i mediante o apoio financeiro a proxectos estratéxicos viables e iniciativas innovadoras.

O MEDIO AMBIENTE, UN SECTOR HETEROXÉNEO E TRANSVERSAL CON GRANDES POSIBILIDADES DE CRECEMENTO E DIVERSIFICACIÓN

Tendo en conta os importantes desafíos ambientais que esixe o desenvolvemento sostible a nivel mundial, así como as oportunidades de negocio e prosperidade que estes representan, resulta evidente que "o sector ambiental debe ser capaz de dar resposta, dende unha perspectiva tecnolóxica e empresarial, aos retos formulados na nosa Comunidade, impulsando ao mesmo tempo unha ecoindustria galega competitiva e ben posicionada, tanto a nivel nacional como europeo, que favoreza á súa vez a colaboración entre os axentes do Sistema Galega de Innovación". Así enmarcaba o presidente da Plataforma Tecnolóxica Galega de Medio Ambiente, José Álvarez Díaz, a presentación de Estratéxica de Investigación (AEI) de ENVITE, froito do consenso e traballo de numerosos profesionais pertencentes ás entidades adheridas á mesma, destacando precisamente o seu carácter pioneiro, no marco da Unión Europea, no establecemento dunha Axenda Estratéxica ambiental, ao non existir, de momento, outra Plataforma na que poder inspirarse ou que sirva de referencia.

O documento da AEI, configurado para o horizonte 2009-2020, inclúe, en primeira instancia, un diagnóstico do sector ambiental galego, do que destaca precisamente a carencia de datos sobre a súa evolución no tempo, podendo tomar como referencia o estudio publicado polo Foro Caixanova, segundo o cal na actualidade existen 400 empresas galegas dedicadas á xestión do medio ambiente que dan emprego a 7.000 persoas, facturando ao ano 1.000 millóns de euros e xerando preto do 1,5 por cento do Valor Engadido Bruto de Galicia.

A heteroxeneidade do sector, no que coexisten un reducido número de grandes empresas que exercen unha posición dominante no mercado xunto cun importante e crecente número de pemes e micropemes, unida ao insuficiente "Know How" en Tecnoloxías Ambientais, limitou en boa medida a capacidade de adaptación ás circunstancias por parte do tecido empresarial galego que, non obstante, si foi aproveitada por compañías de fóra de Galicia para entrar e asentarse no mercado, traendo con elas coñecemento e tecnoloxía. Non obstante, a día de hoxe a preocupación ambiental da Administración, xunto coas posibilidades que ofrece a transversalidade do sector ambiental, ofertando os seus produtos e servizos a outros ámbitos de actividade, e a maior conciencia cidadá na materia, están a facer posible que o sector galego de medio ambiente presente actualmente grandes oportunidades de crecemento e diversificación. En consecuencia, ENVITE deberá inverter os seus esforzos en contribuír á expansión do sector, fortalecendo a súa competitividade, e para iso deberá esforzarse en construír unha cultura de cooperación e traballo en rede entre empresas, administración e centros de coñecemento, articulando un tecido empresarial ben estruturado e diversificado, colaborando con outras actividades sectoriais e desenvolvendo as tecnoloxías ambientais clave no contexto galego a un nivel de excelencia internacional. En definitiva, asumir ese grande reto de converter a Galicia nun dos mercados ambientais relevantes de Europa.

PRIORIDADES DE I+D+i RECOLLIDAS NA AXENDA ESTRATÉXICA DE INVESTIGACIÓN DE ENVITE

Neste contexto, as prioridades de I+D+i máis relevantes pasarían, entre outras cuestións, polo impulso á investigación e desenvolvemento, nos ámbitos públicos e privados, de novas tecnoloxías ambientais relativas ao aire, auga, chan e residuos, o desenvolvemento da ecoinnovación a partir de tecnoloxías ambientais validadas aplicadas a produtos, procesos e servizos, e a creación de infraestruturas de formación de persoal cualificado para potenciar a competitividade das actividades ambientais de natureza industrial.

Descargar Presentación José Álvarez, Presidente de Envite (PDF, 482 KB)
Descargar Axenda Estratéxica de Investigación (galego) (PDF, 3,41 MB)
Descargar Agenda Estratégica de Investigación (castellano) (PDF, 3,41 MB)
 
Xunta de Galicia in.ci.teNeurona