VIGO PON EN MARCHA UN SISTEMA PIONEIRO QUE PERMITE OBTER DATOS EN TEMPO REAL DOS MOVEMENTOS DA AUGA
Domingo, 13 de Novembro do 2011
A ría de Vigo pode presumir de contar cun dos sistemas máis novidosos para controlar a corrente e determinar a altura da ondada. Dúas estacións de radar de alta frecuencia permiten obter datos practicamente en tempo real de como se move a auga superficial, unha información crucial para actuar en naufraxios ou verteduras pero tamén moi útil para o sector pesqueiro e a planificación marítima. O grupo de Oceanografía Física da Universidade de Vigo son uns dos pioneiros neste ámbito e apostaron por aplicar en augas interiores esta tecnoloxía, moi estendida en Estados Unidos. O sistema implantado na ría de Vigo permite conseguir datos das correntes na ría con resolución espacial duns 300 metros. É o único sistema destas características que existe en España, que conta con radares de menor frecuencia no estreito de Xibraltar, a costa vasca e tamén na galega.